CRTVG

Buscar

Suspenden a busca do montañeiro desaparecido nos Alpes por mal tempo

Publicado o 14/08/2020 14:57

A busca do montañeiro español desaparecido nos Alpes suízos facendo barranquismo quedou suspendida este venres a causa das inclemencias do tempo na zona. Outros tres que o acompañaban morreron e os seus cadáveres xa foron localizados o mércores, despois dunha grande operación de rescate en que participaron helicópteros, cans adestrados e mesmo mergulladores. 

Os catro formaban parte dun grupo de seis persoas, navarros e vascos, aos que unha treboada sorprendeu mentres descendian polo cantón suízo de San Galo. Só se salvaron as dúas mulleres da expedición, que pouco antes do suceso decidiran abandonar o lugar. As dúas precisaron atención psicolóxica. 

Todos eles tiñan entre 30 e 48 anos e moita experiencia, pero non puideron loitar contra o forte aparato eléctrico e a riada de auga que ocasionou a treboada. O consulado español permanece en contacto coas súas familias e xa tramita a repatriación dos seus cadáveres. En canto a seguridade estea garantida na zona, retomarase a busca do montañeiro desaparecido en grupos de rescate reducidos.

Noticias web

14/08/2020