CRTVG

Buscar

Susana Rodríguez Gacio denuncia o trato da Federación Galega de Tríatlon

Publicado o 25/12/2019 20:26

Campioa de Europa e campioa do Mundo en 2019. Susana Rodríguez Gacio segue superándose. 

"O ano 2019 foi aínda mellor que o 2018, que xa parecía moi difícil de superar porque gañaramos o campionato do mundo en Gold Coast, en Australia. Non obstante, eu sempre digo que non se pode poñer un 10, porque a perfección non existe e sempre se poden mellorar cousas", recoñece a triatleta viguesa.

Toquio serán os seus segundos Xogos. Priorizará o tríatlon, pero participará tamén en atletismo despois de conseguir un cambio de data na proba dos 1.500 metros. Susana logrouno ela soa, tras un intenso intercambio de mensaxes coas autoridades deportivas paralímpicas.

"A prioridade no adestramento vai ser para o tríatlon. Se chego ben como triatleta como quero chegar, tamén podería facer ben os 1.500 metros, como fixen este ano", asegura Susana.

A campioa do mundo e de Europa denuncia o trato da Federación Galega, despois de despedir o seu adestrador dos últimos sete anos, Luis Piña. 

"Ata agora eu podería dicir que estaba orgullosa de ser galega, que o estou e moitísimo, pero non sinto o apoio da federación que tiven ata o ano pasado. A nova xunta directiva considera que Luis facía pouco traballo adestrándome só a min. Iso demostra que o descoñecemento do deporte de persoas con discapacidade é bastante grande na sociedade", denuncia Susana Rodríguez Gacio.

Susana quere participar tamén nos 1.500 metros do campionato de Europa de atletismo adaptado, que se disputará en xuño.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/12/2019