CRTVG

Buscar

Suprímense as limitacións horarias e de distancia para nenos e deportistas nos territorios en fase 2

Publicado o 27/05/2020 12:26

O Ministerio de Sanidade autorizou a eliminación das limitacións para os desprazamentos dos nenos e a práctica de activade física non profesional nos territorios que se atopen na fase 2 do proceso de  desescalada.

De acordo coa disposición de Sanidade publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado, os nenos que residan en zonas en fase 2 poderán saír dos seus domicilios a calquera hora sen límite de tempo nin de veces.

Tamén quedan eliminadas xa nestes municipios as franxas horarias para a actividade deportiva non profesional, que poderá practicarse cantas veces ao día se queira.

Acceso e ocupación nas praias

Por outra banda, os concellos poderán establecer limitacións de acceso, que en todo caso será gratuíto, e de ocupación nas praias, para asegurar que se respecta a distancia entre os usuarios. Esta será dun mínimo de dous metros, segundo se especifica no BOE.

A disposición establece que os concellos tamén poderán establecer límites nos tempos de permanencia e no acceso aos aparcadoiros para controlar a ocupación, que se calculará tendo en conta que a superficie do areal que terá cada bañista será duns catro metros cadrados.

Ambas as autorizacións engádense á orde do 16 de maio que establece as condicións para a  flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional derivadas do estado de alarma, en aplicación da fase 2 do plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Xestión de resíduos

Sanidade modificou, ademais, a instrución para a xestión de residuos, de tal modo que "non se procederá en ningún caso á apertura manual das bolsas de fracción resto en instalacións de recollida".