CRTVG

Buscar

Suíza reforza as restricións para frear a pandemia

Publicado o 29/10/2020 14:34

Suíza intenta evitar un novo confinamento, mentres os contaxios crecen exponencialmente, máis de 8.600 nas últimas 24 horas. A incidencia acumulada é xa de 1.647 positivos por cada cen mil habitantes.

A evolución da pandemia preocupa os galegos residentes no país alpino. "A colectividade galega estamos vivindo esta pandemia aquí en Suíza pois con moito estrés e tratando de que non nos caia a nós e non nos toque a nivel laboral".

Para frear os contaxios, as autoridades suízas reforzaron as restricións en vigor desde hai dez días. A máscara pasa a ser obrigatoria en todos os lugares públicos, clausúranse as discotecas e os bares e restaurantes pecharán ás 11 da noite.

Os colexios permanecen abertos, pero non as universidades, e levántase a corentena obrigatoria para os viaxeiros procedentes de España e outros 59 países.

Na véspera dun novo confinamento nacional, Francia sumou 35.000 positivos e achégase ao millón trescentos mil contaxios desde o inicio da pandemia.

O Goberno francés amplía o uso da máscara a partir dos seis anos de idade, medida que será efectiva a partir do próximo luns coa volta dos cativos ás aulas.

A pandemia acelera tamén no Reino Unido, que contabilizou máis de 24.000 novos infectados nun só día, e o Goberno insiste en que fará todo o posible por evitar un confinamento nacional.

Noticias web

29/10/2020