CRTVG

Buscar

Sufocan un incendio nun hotel de Madrid onde non se rexistraron feridos

Publicado o 03/06/2021 19:40

• O hotel está situado a carón da M-30

EFE

Un aparatoso incendio afectou sobre as 18.30 horas o Hotel Novo Madrid, situado xunto á zona norte da M-30, do que foron desaloxadas unhas 200 persoas nos primeiros minutos do sinistro que non provocou feridos.

As chamas no exterior do inmoble xa foron sufocadas, pero está cortado o acceso á zona do hotel desde a  M-30, onde si seguen circulando vehículos con normalidade. Un guindastre cunha mangueira segue refrescando a fachada, aínda acordoada.

O hotel, de catro estrelas, atópase situado no número 27 da rúa Bausá, na zona de Ciudad Lineal e a columna de fume divisouse desde gran parte da capital, especialmente os condutores que circulaban pola M-30.

As chamas comezaron sobre as 18.30 horas e da zona afectada polo lume despréndense anacos de estrutura que chegaron a caer debaixo do edificio. No incendio traballan 15 dotacións de Bombeiros do Concello de Madrid e 9 equipos do Samur-Protección Civil, así como 11 dotacións de Policía Municipal.

Non se rexistraron feridos, segundo fontes de Samur, que precisaron que, ao parecer, se incendiou un conduto de ventilación desde as plantas inferiores ata as superiores. Segundo fontes policiais, o hotel desaloxouse durante os primeiros minutos coa axuda de axentes da Unidade de Intervención Policial (UIP).

O Hotel Novo Madrid, situado na rúa Bausá, foi construído no 2004 e inaugurado en febreiro de 2005 e conta unha altura de 12 plantas e 225 habitacións, das que 10 son suites. No momento do incendio estaba aberto ao público.

Noticias web

03/06/2021