CRTVG

Buscar

Suecia pecha a investigación contra Assange por violación

Publicado o 19/11/2019 17:53

Nove anos despois de que unha muller sueca denunciara a Julian Assange por violación, a xustiza daquel país arquiva o caso. E iso que a fiscala superior sueca, Eva-Marie Persson, di que o relato da muller é crible e fiable, pero considera que o resto de probas son demasiado febles para seguir coas pescudas.

O arquivamento da investigación pon fin a unha peripecia que obrigou o fundador de Wikileaks a enclaustrarse durante 7 anos na embaixada do Ecuador en Londres para evitar a extradición a Suecia.

O Goberno latinoamericano retiroulle o pasado abril a condición de refuxiado e expulsouno da legación. Desde entón, cumpre 50 semanas de reclusión nun penal londiniense por violar a liberdade condicional ditada nos primeiros compases do proceso.

Assange afronta en febreiro outra causa moito máis complicada: a da extradición aos Estados Unidos pola publicación en 2010 de milleiros de documentos militares e diplomáticos clasificados. A xustiza estadounidense acúsao de 18 delitos, entre eles o de conspiración.

 

Noticias web

19/11/2019