CRTVG

Buscar

Sucéndense as obras na N-120 entre Ourense e Monforte por mor dos desprendementos

Publicado o 11/12/2019 19:31

Sucédense as obras na nacional 120, entre Ourense e Monforte, por mor dos desprendementos. Nuns casos, para reparar danos e, noutros, para evitalos. Hoxe cortouse un carril á saída da cidade para facer traballos de apuntalamento.

O tráfico pola nacional 120 está ultimamente regulado por semáforos de obra. Nada máis saír da cidade cara Monforte, primeira parada.

"Faise incómodo. Agora tiñamos que estar xa nun sitio en punto, e imos chegar tarde". "Á parte, todos os anos ao chegar estas datas, é o mesmo. Hai moitos desprendementos e sempre estamos coa mesma leo", comentan dous condutores.

Están asegurando este noiro polo risco de desprendementos. Cortaron as árbores asomadas perigosamente á calzada e están instalando unha malla. Uns traballos que se prolongarán varios días.

"Estivo peor xa. Pero agora, como hai outro corte atrás, pois acumula retencións", sinala un condutor.

E tres quilómetros máis adiante, a segunda parada. Aquí, a obra e máis complexa. Un mes despois dos desprendementos que cortaron a calzada ao tráfico, aínda non hai data para a finalización.

"É moi latoso. Eu veño todos os días ao hospital e cústame bastante tempo". "Máis que nada é o perigo, que sempre están caendo rochas dun tamaño considerable e, quen che di que non che vai tocar?", din os condutores.

Segundo avanzan desde a Subdelegación do Goberno en Ourense, aínda hai máis obras previstas neste treito, destinadas, puntualizan, a mellorar a seguridade dos usuarios.

Noticias web

11/12/2019