CRTVG

Buscar

Sucédense as concentracións de repulsa contra o crime de Teruel

Publicado o 08/08/2019 14:58

Sucédense as concentracións de repulsa do crime que ocorreu onte en Andorra, un municipio de Teruel, onde un home matou a seu fillo e feriu a súa parella, que continúa ingresada na UCI en estado grave.

Os veciños avisaron a Garda Civil de que Mustafá, de 41 anos, caera ao baleiro dende o seu domicilio, un cuarto andar, situado na localidade de Andorra, en Teruel. Cando entraron na vivenda, os axentes atoparon o cadáver do fillo, Ismael, con varias coiteladas, e a súa nai, Gema, de 39 anos, gravemente ferida do mesmo xeito.

O presunto agresor, que se cre que se quixo suicidar, morreu no hospital. A súa parella aínda está grave, na UCI. O cadáver do adolescente está no Instituto Legal de Zaragoza.

A Garda Civil investiga os feitos. Non había denuncias previas por malos tratos, pero a delegada do Goberno de Aragón informou de que a véspera do crime, tras unha forte discusión, nai e fillo abandonaron o domicilio familiar, ao que volveron o mércores, o día en que ocorreu todo.

Houbo xa múltiples expresións de repulsa deste crime, que se está a considerar como violencia machista, e outras serán ao longo da xornada. Tamén, minutos de silencio e un pleno extraordinario do concello de Andorra para declarar tres días de loito oficial no municipio.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/08/2019