Soben os contaxios na área sanitaria de Vigo e baixa a presión hospitalaria
Aumenta a incidencia da covid na área sanitaria de Vigo, con 15 casos activos máis ca onte. Segundo a Consellería de Sanidade, o número de pacientes ascende xa a 589, e a cidade olívica acadou unha incidencia acumulada de 313 casos cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas. Cifra moi por riba do límite de 250 que marca o paso ao nivel alto de restricións.
Preocupa que a poboación relaxe as normas e que se repitan as concentracións de xente que puideron verse a fin de semana pasada.
Malia os datos, a presión hospitalaria segue en sentido descendente. Na unidade de críticos do Cunqueiro hai catro persoas ingresadas e outras 41 están en planta nos tres centros sanitarios de referencia da área sanitaria de Vigo.
Nos datos da área sanitaria de Vigo pesa moi negativamente a incidencia de casos en Cangas, Baiona e Pazos de Borbén. A Consellería de Sanidade informou da morte dun home de 76 anos no Cunqueiro que tiña patoloxías previas.