CRTVG

Buscar

Falece unha muller en Lugo nun día de récord de aumento de casos activos en Galicia

Publicado o 26/08/2020 19:42

• Lugo, segunda área con máis mortos nesta segunda vaga

• Aumentan a 99 os usuarios contaxiados de residencias (+31)

• Tamén soben hospitalizacións (+11) | Récord de PCR diarias: 4.604

Nas últimas horas rexistrouse en Lugo o falecemento dunha persoa que fora diagnosticada por coronavirus. Trátase dunha muller de 93 anos que estaba ingresada no HULA e presentaba patoloxías previas.

É a quinta vítima mortal en Lugo nesta segunda vaga e non está relacionada co gromo rexistrado na residencia do Incio nin con ningún outro centro de maiores.

Tras este falecemento, o total de mortes pola covid-19 en Galicia sitúase en 634.

Incremento récord de casos activos en Galicia con subas nas residencias

Galicia alcanza hoxe os 2.798 casos, é dicir, 218 máis ca onte, segundo os datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Non se rexistraba un incremento tan elevado de casos activos dende o 5 de abril, cando estabamos na primeira metade do aumento da curva da primeira onda.

Os 2.798 repártense así por áreas sanitarias:

  • A Coruña: 1.275 (+35)
  • Lugo: 441 (+89)
  • Santiago: 382 (+53)
  • Ourense: 243 (+19)
  • Vigo: 177 (+7)
  • Pontevedra: 165 (+18)
  • Ferrol: 115 (-3)

 

Contaxios en residencias

O número de contaxios en residencias volve subir de novo, xa son 99 usuarios (+31) e 38 traballadores (+4). O foco con máis casos está na residencia O Incio, onde hai 87 residentes e 26 traballadores positivos en coronavirus. A segunda máis afectada é a Orpea Coruña, en Culleredo, que rexistra 11 usuarios e 4 traballadores.

Evolución dos gromos

Un dos focos que máis preocupa é o da residencia de maiores de O Incio. Nas últimas horas confirmáronse case medio cento de casos novos. Tamén seguen sumando positivos en Monforte: hai 77 infectados. Entre eles moitos traballadores da hostalería polo que o Sergas decidíu facer un cribado no sector para intentar frear o gromo.

E o foco que se orixinou nunha festa nun pub de Lugo suma xa 23 positivos e o peche de 3 negocios por prevención. Tamén en Vilalba se notificaron hoxe sete casos activos, segundo informou o concello nun comunicado.

Os casos dispáranse tamen na área de Santiago: hai 382. A boa nova é que na residencia Volta do Castro mantense só o positivo dunha empregrada. As probas aos preto de 300 usuarios e traballadores deron negativo.

Pero en Melide seguen subindo os contaxios: xa son 57. O foco de Santa Comba que se orixinou nunha celebración familiar alcanza os 30, e un asistente a esa xuntanza puido ser o que contaxiou a outros compañeiros no Centro Loxístico de Correos da Lavacolla. Aí confirmáronse 12 positivos; 8 traballadores e 4 contactos seus.

Na Pobra do Caramiñal vanlle facer probas aos 200 traballadores dunha conserveira onde detectaron 3 positivos.

Na área sanitaria de Ourense hai 243 casos activos. Os últimos en Cortegada e Viana do Bolo. Case todos se restrinxen a unidades familiares.

En Vigo hai 177 casos activos e o Sergas empezou hoxe a facerlles probas a uns 7.500 docentes de infantil, primaria e secundaria.

Na área de Pontevedra hai 165 persoas infectadas e na área de Ferrol é na única onde baixan os casos activos: 115, 3 menos ca onte.

Hospitalizacións e UCI

Aumenta tamén o número de hospitalizados. Do total de pacientes positivos, 13 están na UCI, 84 en unidades de hospitalización (+11) e 2.701 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 12.086 persoas curadas. 

Tamén se incrementou a cifra de PCR realizadas, facéndose onte 4.604.