Stellantis en Vigo suspende toda a produción pola falta de aprovisionamentos

Stellantis suspende a actividade nas tres quendas dos dous sistemas de produción. A crise dos microchips segue complicando a situación da planta viguesa.
Segundo informou a fábrica, non traballarán os operarios que montan o Peugeot 2008, o 301 e o C−Elysée. Tampouco os que producen as furgonetas e monovolumes. A parada tamén afecta ademais ao taller de baterías pola falta de compoñentes.
A previsión é retomar mañá a actividade. Por outra banda, a partir do luns suspéndese de forma temporal a quenda de fin de semana, a cuarta quenda do sistema 2, ata que remita a crise dos semicondutores. Parte dos traballadores serán recolocados noutras quendas.
O problema dos microchips, que afecta a toda a industria automobilística, obrigou a aplicar un ERTE que está en vigor ata finais de ano. A industria non prevé que se normalice a cadea de subministración ata o terceiro trimestre de 2022.