CRTVG

Buscar

Stellantis deixou de fabricar 190.000 coches por falta de semicondutores

Publicado o 05/05/2021 10:35
Stellantis deixou de fabricar 190.000 coches por falta de semicondutores

O grupo Stellantis deixou de fabricar uns 190.000 vehículos no primeiro trimestre do ano por falta de subministracións de semicondutores. Por mor da escaseza deses compoñentes, teme que o impacto sobre a súa produción sexa aínda peor no segundo trimestre.

Na presentación este mércores das vendas e a facturación nos tres primeiros meses do exercicio, Stellantis recoñeceu nun comunicado que ten unha "visibilidade restrinxida" sobre as consecuencias deste problema para o conxunto do ano.

En calquera caso, calcula que haberá "un impacto superior" no segundo trimestre respecto ao primeiro, e logo "unha mellora no segundo semestre de 2021".

Aumento das vendas

A compañía, que por primeira vez desde a súa fusión en xaneiro presenta de xeito integrado as cifras de PSA e de Fiat-Chrysler, tivo unhas vendas consolidadas de 1.567.000 vehículos en termos comparables no primeiro trimestre, o que supuxo un incremento do 11 % respecto a ese mesmo período de 2020.

Ese crecemento produciuse pola "forte demanda dos consumidores e o bo comportamento das vendas en detalle".

As paradas temporais de produción que houbo no primeiro trimestre de 2020, polo impacto da covid-19, víronse "parcialmente compensadas" co descenso da fabricación pola falta de  semicondutores entre xaneiro e marzo de 2021, que representou arredor do 11 % do que estaba previsto, é dicir, os citados 190.000 coches.

As existencias acumuladas do grupo a data do 31 de marzo eran de 1.234.000 vehículos, e iso inclúe as unidades en mans dos concesionarios independentes, comparadas co 1.256.000 ao terminar 2020. Esa caída produciuse en todas as rexións e detrás está de novo a escaseza de semicondutores.

Medra a facturación

Entre xaneiro e marzo, o grupo facturou 36.999 millóns de euros, o que supón un incremento do 14 % respecto ao mesmo período de 2020.

Segundo explica nun comunicado, neste aumento influíu, ademais da suba nas vendas, un efecto de prezo positivo e unha combinación de produtos e mercados máis favorable. Esa conxugación produciuse en particular en América do Norte e en Europa, os seus principais mercados.

Por grandes áreas xeográficas, o volume de negocios subiu sobre todo en Europa, ata os 16.029 millóns de euros, respecto aos 13.966 millóns do pasado ano.

En América do Norte, o incremento foi menos pronunciado, xa que se chegou a 15.916 millóns de euros entre xaneiro e marzo de 2021, comparados cos 14.546 millóns do 2020.

América do Sur achegou 2.101 millóns de euros no primeiro trimestre (fronte a 1.605 millóns); Oriente Medio e África, 1.311 millóns (1.093 millóns); A China, A India, Asia e o Pacífico, 865 millóns (643 millóns); Maserati, 442 millóns (258 millóns) e o resto, 335 millóns (fronte a 286 millóns).

Resultado "sólido"

O responsable financeiro de Stellantis, Richard  Palmer, cualificou de "sólido" o resultado dos ingresos no primeiro trimestre da integración do grupo "grazas á súa carteira de marcas diversificada que xera á vez volumes en alza, un efecto de prezos positivo e un impacto favorable da combinación de produtos, malia a crise global de semicondutores".

O fabricante mantén as súas perspectivas de mercado para as principais rexións nas que está presente. En concreto, agarda un crecemento do 10 % en Europa, do 8 % en América do Norte e do 20 % en Sudamérica.

Revisou á alza as súas expectativas para Oriente Medio e África (+15 %, fronte á +3 % inicial), así como para a India, Asia e o Pacífico (+10 %, en lugar do +3 %). Porén, conserva sen cambios a súa previsión dunha alza do 5 % na China.

Tamén confirma o seu obxectivo de lograr este ano unha marxe operativa corrente de entre o 5,5 % e o 7,5 %, sempre que non haxa ningún "confinamento significativo" pola covid-19.