CRTVG

Buscar

Stellantis confía en que o Goberno rectifique e non exclúa a planta viguesa na repartición de fondos europeos

Publicado o 21/09/2021 16:39

A repartición dos fondos europeos para a automoción preocupa a Stellantis, a antiga Citroën en Vigo. E é que, a día de hoxe, a planta quedaría excluída desa repartición millonaria de investimentos. Os ollos están postos no Ministerio de Industria, que polo momento deixa fóra das súas contas o proxecto galego.

Non está dita a última palabra, polo que aínda hai esperanza, pero tamén preocupación, en Stellantis porque estase a falar dun investimento de 1.300 millóns de euros vitais para o futuro da fábrica. En principio, o Ministerio de Industria deixa fóra o proxecto galego porque non cumpre cun dos requisitos ao non incluír a produción de baterías para vehículos eléctricos.

Stellantis conta con instalacións en Francia, Alemaña e Italia que producen baterías para todas as fábricas europeas do grupo. É por este motivo polo que a factoría no precisa produción propia de baterías en Vigo, condición que polo momento a deixa fóra da repartición dos fondos europeos.

O proxecto está liderado por Stellantis, o Centro Tecnolóxico da Automoción e o Clúster Ceaga. Contempla un investimento de 1.300 millóns de euros, a creación de 900 postos de traballo, e a dixitalización da factoría. Unha oportunidade vital para a toda a automoción galega.

Sería a peor das noticias para a planta viguesa, que rematou o ano pasado como líder en España na produción de vehículos. Agardan que o Ministerio de Industria inclúa a Stellantis no Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica, a única vía para acceder ás axudas de Europa.

Noticias web

21/09/2021