CRTVG

Buscar

Sri Lanka cre que os terroristas contaron cunha rede de apoio internacional

Publicado o 22/04/2019 16:17

Outra explosión sacudíu esta mañá a capital de Sri Lanka, escenario da vaga de atentados que deixaron onte preto de 300 mortos e cincocentos feridos. Os ataques foron obra de terroristas suicidas que o Goberno relaciona co extremismo relixioso.

O Goberno de Colombo comezou a ofrecer algúns detalles dos vinte minutos de terror que se viviron onte no país. Foron oito atentados que se sucederon entre as nove menos cuarto da mañá e as nove e cinco e que perpetraron terroristas suicidas.

Os obxectivos foron tres hoteis da capital e tres igrexas cristiás, dúas católicas e unha evanxélica; uha delas localizada tamén en Colombo, e as outras dúas en cidades do oeste e do leste do país e que estaban ateigadas de xente celebrando o Domingo de Pascua.

Houbo aínda outras dúas explosións, mais non está claro que formaran parte do plan dos terroristas.

O Goberno admitiu que o pasado 11 de abril recibira información sobre atentados inminentes no país e analiza agora os posibles erros de seguridade cometidos. De momento, limitouse a dicir que hai 24 sospeitosos detidos e que os autores dos atentados eran extremistas relixiosos do propio país, onde a inmensa maioría da poboación budista convive coas minorías hindú, musulmá e cristiá.

As forzas de seguridade investigan se os terroristas tiveron axuda exterior para cometer esta vaga de atentados que deixaron preto de 300 mortos e uns cincocentos feridos.

Esta mañá estoupou unha furgoneta con explosivos preto da igrexa atacada onte na capital.

 

Noticias web

22/04/2019