CRTVG

Buscar

Sorprenden en Lalín un peregrino francés en bicicleta

Publicado o 25/03/2020 14:26
Sorprenden en Lalín un peregrino francés en bicicleta

Axentes da Garda Civil sorprenderon este martes en Lalín un peregrino francés que, ao parecer, facía unha das rutas do Camiño de Santiago cando se decretou o estado de alarma e viuse sen recursos económicos para regresar ao seu país.

Os axentes atopárono na estrada N-525, na localidade lalinense de Prado. Explicoulles que ía camiño do domicilio dun coñecido na localidade de Cea (Ourense), tras pasar varias noites en montes de Galicia e de Castela e León.

O peregrino dixo que a súa idea era pasar o confinamento na casa deste coñecido. A Garda Civil, coa mediación da Axencia Galega de Emerxencias, conseguiulle aloxamento nun albergue de Santiago mentres se xestiona o seu regreso a Francia ou a un aloxamento alternativo.

Con todo, a Garda Civil contrastará a información que lles deu o peregrino para confirmar que non se trata dunha escusa para infrinxir o  confinamento.

Co estado de alarma en vigor, prohíbese calquera actividade deportiva e de lecer, entre elas, as peregrinacións.