CRTVG

Buscar

Sáenz de Santamaría sostén que houbo violencia no 'procés'

Publicado o 27/02/2019 20:40

Soraya Sáenz de Santamaría respondeu durante máis de dúas horas as preguntas das acusacións e das defensas dos acusados. A ex-vicepresidenta asegurou que nunca falou do referendo de autodeterminación con Oriol Junqueras nin con ninguén. Defendeu o papel das forzas de seguridade despregadas en Cataluña para a consulta e destacou o acoso que sufriron.

"Mire, eu sei o que é vivir un escrache, e o que se viviu en Cataluña en moitos sitios non era un escrache era un acoso violento". "Pero ademais sufrimos moito politicamente como consecuencia de que moitos alcaldes e moitos concelleiros nun clima de acoso masivo xeneralizado e sistemático recibían ameazas e coaccións".

Tamén declarou como testemuña o ex-presidente da Generalitat, Artur Mas, condenado pola consulta soberantista do 9-N de 2014. Mas asegurou que foi Carles Puigdemont quen, tras moitas reunións coa sociedade civil, decidiu convocar o referendo do 1 de outubro declarado ilegal polo Tribunal Constitucional. 

"Efectivamente, o señor Puigdemont chegou á conclusión de que era bo que houbese unha segunda consulta e, polo tanto, un referendo en Cataluña sobre o mesmo que xa o houbera en novembro de 2014 cando eu era presidente da Generalitat".

Pero a quenda das testemuñas inaugurona o deputado de ERC, Joan Tardá, que nada máis comezar xa foi advertido polo presidente do Tribunal de que non podía declarar en catalán e tampouco facer valoracións políticas.

Tardá negou que houbese violencia o 20 de setembro durante os rexistros policiais da Consellería de Economía.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/02/2019