CRTVG

Buscar

Sonia Valbuena: "Toda persoa sexualmente activa debería facer a proba do VIH"

Publicado o 01/12/2020 11:01

Vai para 40 anos desde que se diagnosticou, un 1 de decembro de 1981, o primeiro caso da sida e, desde entón, a loita contra a síndrome de inmunodeficiencia adquirida sempre tivo que aplicarse simultáneamente no plano sanitario e no plano social. No primeiro, a sida pasou de ser unha doenza mortal a converterse nunha infección crónica pero non incapacitante. No segundo, quen traballa a pé de rúa asegura que a evolución é moito máis lenta.

Neste Día Mundial contra a Sida falamos con Sonia Valbuena, responsable do comité antisida da Coruña, que leva anos ofrecendo axuda e recursos ás persoas co virus de inmunodeficiencia humana (VIH) e, desde a autoridade que lle dá a experiencia, non ten dúbida: "O estigma segue existindo, e sabemos, porque así o recollen as estatísticas, que case o 70 por cento da poboación se negaría a traballar ao lado dunha persoa seropositiva".

Nese estigma social que aínda permanece, engade Valbuena, orixínase gran parte dos problemas actuais: o diagnóstico segue a chegar demasiado tarde para o 48 por cento das persoas infectadas. "Ninguén ten problemas ata que lle toca de preto, e iso pode facer que se atrase a notificación e a información aos seres queridos" sostén.

"É case criminal, coa información que temos, que haxa quen discrimine unha persoa por ser seropositiva, pero aínda se dá en moitos casos nos ámbitos social e laboral", lamenta. Porque "se desaparecese ese estigma sería máis doado convencer a cidadanía de que faga as probas e teña os coidados correspondentes en caso de que sexa positiva".

Eses coidados garanten, hoxe en día, "unha vida normal ao 99,9 %, se a persoa está diagnosticada e ten adherencia ao tratamento, algo que adoita conseguirse en dous ou tres meses". A medicación simplificouse de forma espectacular, indica, porque "de máis de 20 pílulas diarias pasouse a dúas, ou mesmo a unha inxección mensual, cuns efectos secundarios que nada teñen que ver cos que tiñan os primeiros tratamentos".

Pero tan importante como poder levar unha vida normal é que, co diagnóstico precoz e o tratamento axeitado, "esa persoa deixa de transmitir a enfermidade e pode vivir sen risco de contaxiar a infección". De aí que a responsable do Comité antisida da Coruña chame á responsabilidade da sociedade: "É imperativo que toda persoa sexualmente activa ten que facer ao menos unha vez na vida a proba de VIH".

Segundo od últimos datos do informe sobre a sida, o 80 por cento dos casos en Galicia derivan de relacións sexuais sen protección.

Como inflúe a outra pandemia

A pandemia de coronavirus tamén afecta a investigación contra a sida e a loita contra a enfermidade socialmente. Valbuena é optimista respecto dos beneficios que poida ter a investigación dunha vacina contra a sida que non dá chegado. "Penso que pode existir en breve esa vacina, sobre todo polo empurrón que lle pode dar a investigación da covid−19 e tendo en conta que o tema das vacinas está moi relacionado". 

Non é tan optimista no ámbito social. "A pandemia supuxo un importante aumento de usuarios no comité antisida porque traballar na prevención é traballar contra a exclusión social e iso implica un amplo abano de atención a xente na rúa, xente desaloxada, enfermos psiquiátricos, toxicómanos... Hai usuarios que moitas veces non poden optar a outros recursos institucionais e só poden acceder a servizos de baixa esixencia como o que ofrecemos nós.

Noticias web

01/12/2020