CRTVG

Buscar

Solicitan que se revise a normativa das hortas no estado de alarma

Publicado o 17/04/2020 20:49

O real decreto polo que se regula o estado de alarma non entra no detalle das hortas. Non se consideran unha actividade esencial, ao ser de consumo doméstico. E na resolución da Consellería do Medio Rural, do 23 de marzo, establécese que os cultivos de autoconsumo se poden atender sempre e cando non requiran dun desprazamento superior aos 500 metros. Ante esta situación, numerosas asociacións e particulares solicitaron, desde a plataforma Change.org e por outras vías, que se reconsideren estas limitacións. Entenden, entre outras cousas, que é máis seguro ir á horta, que ao supermercado.

Martín ten a horta ao pé da casa. El pode atendela, axúdalle o seu fillo, pero botan en falta unha man experta: "Dáse a circunstancia de que o meu sogro é habitual, é practicamente el o que atende esta horta, e nós estamos aprendendo a marchas forzadas porque el non pode vir, que vive noutro barrio".

A lexislación vixente no actual estado de alarma prohibe desprazamentos superiores aos 500 metros con respecto á vivenda habitual, o que reduce as posibilidades, practicamente, ás que están a carón das casas ou na mesma aldea.

"Estamos aquí, na casa, e agora viñemos aquí para pasar un pouco o cacho. Está a 20 metros da casa, ou 40", comenta un veciño do Pereiro de Aguiar.

Máis de 500 organizacións, desde asociacións de produtores a sindicatos agrarios e grupos ecoloxistas, lévanse dirixido ao Ministerio de Agricultura para que reformule as medidas que afectan a produción agropecuaria a pequena escala. Ven incongruencias nas solucións adoptadas polas distintas administracións.

Ángel Dorrío, Amigos da Terra: "É máis perigo cando vas ao súper e tes que facer cola, que igual hai dez persoas na cola esperando a poder pasar, que que esteas ti só na túa parcela, sen ningún problema".

Na Rede hai tamén iniciativas neste senso. A da galega Aldea Cooperativa leva recollidas máis de 1.700 sinaturas.

 

Noticias web

17/04/2020