Sofía e Mateo repiten como os nomes máis populares entre os bebés galegos
• Consulta no IGE o listado de nomes máis frecuentes

Sofía e Mateo continúan sendo un ano máis os nomes preferidos para os nenos e nenas nacidos en Galicia, segundo o informe que publicou este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o ano 2020. Á parte de Sofía, os nomes de muller máis comúns son Noa, en segundo lugar, seguido de Martina, Lara e Valeria.
Comparado con 2019, os catro primeiros continúan na mesma posición, mentres que Valeria pasa do posto número sete ao cinco, que intercambia con Lucía, segundo informa a Xunta.
En canto aos nomes masculinos, os cinco máis frecuentes son Mateo, Martín, Lucas, Hugo e Leo. Tamén eran estes os preferidos en 2019, coa diferenza de que Lucas estaba no segundo lugar e Martín no terceiro e en 2020 houbo un intercambio de posicións.
Entre os vinte primeiros nomes non hai variacións durante os dous últimos anos estudados, excepto Roi e Alejandro, que dan paso no 2020 a Xoel e Mario. En canto aos nomes femininos, no 2020 incorpóranse Mía e Alma e desaparecen de entre os vinte primeiros Alba e Emma.
Ademais, a Xunta destaca que se incrementa a tendencia para empregar nomes galegos tanto para as nenas (Antía, Uxía e Sabela) como para os nenos (Brais, Antón e Iago). A estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación do IGE permite coñecer a evolución histórica dos nomes en función da comarca, o xénero ou a década, desde antes de 1930 ata a década actual.