CRTVG

Buscar

Os coalas estanse extinguindo en Australia: sobrevivirían en Galicia?

Publicado o 27/11/2019 12:21

O 80% do hábitat dos coalas está reducido a cinza. A seca e os incendios que está sufrindo Australia nas últimas semanas está provocando que se dispare a mortalidade desta especie de marsupial. Segundo Forbes, estes incendios puideron matar aproximadamente 1.000 coalas.

A pasada semana fíxose viral un vídeo dunha muller que puña en perigo a súa vida para salvar un, e hoxe coñecemos que o animal, finalmente, morreu.

Dada a situación, quixemos saber se unha opción para que non se extingan podería ser traelos a Galicia.

Xesús Dominguez é profesor de zooloxía na Universidade de Santiago de Compostela. En primeiro lugar, o profesor explica que "non sería legal liberalo" nos nosos montes.

Pero no hipotético caso de que fora posible, Domínguez di que sería "unha auténtica barbaridade" porque dende o punto de vista estritamente biolóxico hai moitos factores que impedirían que sobrevivise: "O coala é unha especie que consome folla de eucalipto, pero ten preferencia por especies de eucaliptos que non son as que están nos montes galegos".

Ademais, o profesor explica que en Galicia "existen depredadores que incidirían de forma definitiva sobre os coalas", é dicir, que os depredadores de aquí acabarían con eles.

Pola contra, a veterinaria e etóloga na Universidade Autónoma de Barcelona Marta Amat ten outra opinión ao respecto. Ela di que "aínda que os coalas viven en climas máis cálidos e secos, adáptanse facilmente a climas máis fríos e húmidos. De feito, un exceso de sequidade no clima pode afectar gravemente na calidade das follas de eucalipto, que son a súa principal fonte de alimentación e hidratación".

Ademais, Amat recorda que "en moitísimos zoolóxicos se crían satisfactoriamente os coalas", pero tamén lembra que "debería solicitarse a nivel institucional unha autorización para poder ter coalas en Galicia".