Sobresalto nun edificio de Silleda por mor dun incendio nun dos pisos
Unha familia de Silleda levantouse hoxe sobresaltada polo lume que afectou un dos cuartos da casa. O incendio orixinouse nun deshumidificador e destruíu todo o que había na estancia. Por sorte, non quedou ninguén ferido.
O incendio non deixou pegada no exterior do inmoble afectado no centro de Silleda, pero destruíu as pertenzas dunha das estancias do segundo A. A alerta de lume produciuse minutos despois das oito desta mañá e a rápida intervencion dos bombeiros -o parque está a poucos minutos- evitou males maiores. Cando chegaron. os residentes xa estaban fóra do inmoble.
Juan José Muñoz Iglesias, xefe do parque de bombeiros. explica que na vivenda vivía un matrimonio novo cun neno pequeno. "Xa estaban fóra. E a Garda Civil xa evacuara o resto dos pisos", asegura.
Foi un incendio nun cuarto que facía as veces de despacho. "Había un deshumidificador posto e cremos que foi a causa do incendio. Apagamos o lume, ventilamos e evitamos que afectara outras vivendas", explica o bombeiro.
"Había certo perigo de que o fume se metese un patio de luces interior e evitamos que iso se producise. Foi un sinistro que se colleu bastante a tempo, afortunadamente", engade.
Ardeu un sofá, unha librería con libros, o deshumidificador orixe do incendio, un ordenador, a impresora... E logo houbo danos polo fume e pola calor no resto da vivenda. Nuns dez minutos os bombeiros do Deza e Tabeirós controlaron este sinistro en que a intervención se prolongou durante unha hora.