Sobrado dos Monxes ten xa o 90 por cento dos veciños vacinados
"Iso é fácil, se a poboación que temos é toda maior e a última poboación en vacinarse é a xente nova e aquí non a hai, sería imposible non ser os primeiros, é cuestión matemática", apunta un veciño
E as matemáticas non fallan. Sobrado, cun nivel de contaxios moi baixo, encabeza a listaxe dos concellos da provincia en porcentaxe de vacinación. Todos están moi concienciados da importancia da vacina para saír da crise sanitaria.
"Aquí todo o mundo quere poñer a vacina, si". "Si, sempre quixen vacinarme, de feito estou desprazada porque eu nacín no País Vasco e entón o primeiro que fixen cando cheguei a Sobrado foi darme de alta". "Todo o mundo que vén, todo o mundo foi vacinarse, do que saibamos". "Aquí foi todo Deus, si, a neta por exemplo ten 14 anos e aínda vai agora, foi a primeira vez xa a semana pasada. O neto vai xa coa segunda, e despois, case todos", comentan varias persoas.
Poderemos non acordarnos doutras vacinas, pero esta vai quedar gravada na nosa memoria por moito tempo.
"A min puxéronme Astra Zéneca". "Puxéronme Pfizer". "Foi cunha, coa de Janssen". "Púxenme a Pfizer e nada a min nadiña, eu de marabilla". "Cero reacción, todo perfecto". "Malestar, dor de cabeza, dor de ósos, mareos". "A segunda así un pouco mareada, pero nada máis". "Meteume na cama", explican algúns veciños.
En total en Galicia hai 9 concellos que superan o 90 por cento de vacinados. Eles encabezan unha listaxe en que o último lugar o ocupa Negreira de Muñiz, onde queda aínda case a metade da poboación por vacinar.