CRTVG

Buscar

Soben os novos positivos, pero baixa a presión nas UCI dos hospitais galegos

Publicado o 05/04/2021 11:09

• Os casos activos en Galicia sitúanse en 2.174 (+7)

• Nas UCI hai 32 persoas (-2), e 187 en planta (+8)

Soben os novos positivos, pero baixa a presión nas UCI dos hospitais galegos

Galicia suma 112 contaxios de covid-19 (105 confirmados por PCR), vinte máis ca no reconto anterior. Este domingo lograra, por primeira vez nas últimas dúas semanas, baixar do centenar de positivos novos.

Segundo os datos do Servizo Galego de Saúde, coa información dispoñible ata as 18:00 horas do día 4, hai 2.174 casos activos, sete máis ca no día anterior.

Por áreas sanitarias, A Coruña segue sendo a máis afectada en termos absolutos, aínda que continúa baixando. Tamén a de Vigo, a seguinte máis afectada, que consegue amortecer a tendencia á alza das últimas semanas. Non sucede o mesmo en Santiago, Pontevedra e Ourense, onde se rexistran aumentos. Arestora, os casos activos por zonas son:

A Coruña: 695 (-15)

Vigo: 577 (-4)

Santiago: 285 (+12)

Pontevedra: 246 (+13)

Ourense: 146 (+2)

Lugo: 133 (-1)

Ferrol: 92 (-4)

Dende o inicio da pandemia, contaxiáronse en Galicia 117.628 persoas, das que 113.123 están curadas. Ademais, rexistráronse 2.352 falecementos.

Baixa a presión nas UCI

No canto á situación asistencial, baixa a presión nas unidades de coidados intensivos, onde hai 32 persoas ingresadas, dúas menos ca onte. Porén, sobe en planta, con 187 hospitalizacións (+8).

Durante as últimas 24 horas realizáronse 3.943 PCR, o que eleva a cifra total de probas deste tipo a 1.872.868. Ademais, fixéronse outras 849.323 serolóxicas.