CRTVG

Buscar

Soben os casos activos en Galicia, coa maior repunta na área da Coruña

Publicado o 13/07/2020 12:49

• O brote da Mariña conta con 184 casos activos, un menos ca onte

Galicia sumou nas últimas horas 9 casos activos máis de coronavirus. E non foi Lugo a área onde se produciu a maior repunta. Neste caso, foi A Coruña a que rexistra o maior ascenso de infectados (+5). En Santiago aumentaron 2 casos, e Pontevedra e Lugo, unicamente un. No resto de Galicia, non houbo variacións. 

A área de Lugo segue sendo, con todo, a área máis afectada por mor do brote da Mariña. Contabiliza 200 casos activos, fronte aos 24 da Coruña, que e á segunda área con máis infectados.

Si que se producen cambios nas hospitalizacións. Mantense unha persoa na UCI e soben a seis (dous máis) os ingresados en planta. Tres persoas máis danse por curadas no último informe do Sergas.

Un caso activo menos na Mariña

Nas últimas horas reduciuse lixeiramente o número de casos activos relacionados co brote de Covid-19 que afecta ao distrito sanitario da Mariña.

Segundo as probas realizadas ata esta mañá, confírmase outro caso positivo relacionado co brote. Sen embargo, nas últimas horas, outras dúas persoas foron dadas de alta tras superar a enfermidade, o que deixa o número de casos activos en 184, un menos ca onte.

Nestes momentos son máis de trinta as persoas afectadas por Covid-19 e vencelladas ao brote que xa están curadas e foron dadas de alta tras superar a enfermidade.

Das PCR realizadas no día de onte a persoas relacionadas con este brote, unha arroxou resultado positivo. Neste momento a porcentaxe de PCR positivas é moi baixa (arredor do 2%) respecto ao momento no que se adoptaron as medidas especiais para conter o brote no distrito da Mariña, cando aproximadamente o 20% das PCR realizadas eran positivas.