Soben a seis os positivos no cámping de Louro e agardan os resultados de 69 PCR
Un equipo sanitario volveu ao cámping por segunda vez para facerlles agora as probas PCR a todos os campistas e traballadores do establecemento. Son 69 persoas.
Catro casos positivos nas últimas horas obrigan a extremar as precaucións e a continuar co rastrexo de contactos neste gromo.
"Son todas persoas vinculadas ao cámping. Non teño constancia de que haxa ningún veciño de Muros afectado", afirma a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo.
Este sábado, a xerencia do cámping San Francisco de Louro tiña coñecemento de que dúas persoas que estiveran acampadas no recinto deran positivo en covid-19. Son dúas mulleres da mesma familia que están illadas no seu domicilio na Coruña, con síntomas leves.
"Unha marchara o domingo e a outra o martes, é dicir, xa estaban fóra do cámping cando se diagnosticaron", di Marta Verán, voceira do cámping.
A partir dese momento, as autoridades sanitarias activaron o protocolo de actuación. Nun primeiro momento, 23 campistas foron confinados nas súas parcelas. Tres deron positivo. Fóra do establecemento houbo que localizar outros 15 contactos. Entre eles hai un positivo máis. Trátase dun familiar das dúas primeiras contaxiadas, e dáse a circunstancia de que tamén é da Coruña.
O acceso ao cámping está pechado dende as dúas da tarde. Os resultados das probas realizadas este domingo determinarán o alcance deste gromo, que suma xa seis casos.