CRTVG

Buscar

Soben a 153 os casos na residencia de Outeiro de Rei tras un segundo cribado

Publicado o 08/09/2020 14:13

O segundo cribado na residencia de Outeiro de Rei dispara a cifra de contaxios. As probas rematan con 94 casos positivos máis entre os usuarios, o cal eleva o número de infectados a 139.

Tamén hai cinco novos positivos entre o persoal laboral, e xa son 14 os empregados que pasan a enfermidade illados nas súas casas.

Polo tanto, ascenden a 153 o total de infectados vinculados con este centro.

Mentres, na residencia do Incio a situación estabilízase e por segundo día consecutivo non se rexistran novos casos. A situación segue a ser complicada, xa que hai 81 anciáns contaxiados e 33 traballadores.

O hospital de Lugo reforzou o punto de toma de mostras instalando unha carpa onde se fan as probas dende o propio automóbil.

Hoxe, os casos activos na provincia lucense son 801, uns 300 pertencen ao gromo que afecta á propia capital.

"A min si que me frea na vida diaria, como ir a bares e estas cousas"; "pasamos a peor fase e agora vén outra, e a xente non está moi concienciada"; "sobre todo a rapazada, que vai sen máscara ou fai un mal uso dela", din os veciños.

Mañá o comité clínico revisará as restricións sanitarias que se aplican dende hai mais dunha semana na cidade e que afectan á ocupación dos establecementos e ás reunións sociais.

Noticias web

08/09/2020