Soben a 11 os detidos na operación contra o tráfico de heroína
Xa son once as persoas detidas no operativo desenvolvido nas últimas horas en varias localidades galegas contra o tráfico de heroína, segundo confirmaron fontes da investigación.
Trátase dunha actuación coordinada dende o Xulgado de Instrución número 1 de Cambados e despregada por equipos especializados da Policía Nacional e da Garda Civil.
A operación entrou este martes no que se coñece como fase de explotación e, como resultado, as forzas de seguridade prenderon as once persoas e interviñeron polo menos 1,5 quilos de heroína e cartos en efectivo.
Entre os arrestados figura un avogado vigués con antecedentes, condenado en tres ocasiones por tráfico de drogas. A última, en novembro de 2019, cando a Audiencia de Pontevedra lle impuxo nove anos de prisión pola introdución en Galicia de 60 quilos de heroína nun camión, descargados nunha nave de Caldas de Reis.
Ademais, as forzas de seguridade realizaron rexistros simultáneos nas localidades de Cambados, Sanxenxo, A Illa de Arousa, O Porriño, Oia, Vigo, A Cañiza e Ferrol.
Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a causa "foi secreta" ata este martes e está previsto que os detidos pasen a disposición xudicial o xoves.