CRTVG

Buscar

Só un deputado renunciou ás dietas durante a parada de actividade no Congreso

Publicado o 15/06/2020 18:28
Só un deputado renunciou ás dietas durante a parada de actividade no Congreso

O Congreso confirmou que, nas semanas de suspensión de actividade parlamentaria polo estado de alarma decretado contra o coronavirus, só un dos 350 deputados renunciou á indemnización das dietas de desprazamento e aloxamento que cada mes se aboan ás súas señorías para o exercicio da súa tarefa en Madrid.

Os grupos parlamentarios e deputados individualmente anunciaron eses días que ían doar parte dos seus soldos a distintas causas que eles decidirían, pero na Cámara Baixa só consta o caso de quen comunicou formalmente a súa renuncia. Aínda que non o cita, trátase do deputado do PSOE por Guipúscoa e ex-alcalde de San Sebastián, Odón Elorza, quen, dúas semanas despois de entrar en vigor o estado de alarma, trasladou por carta á presidenta do Congreso, Meritxell Batet, a súa renuncia en abril aos 1.900 euros de dieta que mensualmente recibe por ser deputado de fóra de Madrid.

Os deputados perciben unha asignación mensual (soldo base) de 2.981,86 euros, aos que se suman complementos segundo a tarefa que desempeñan na Cámara (portavoces ou postos de mesa), pero tamén teñen dereito a unha indemnización mensual para "afrontar os gastos que lles orixine a actividade da Cámara", unha dieta que non tributa a Facenda e que si é compatible mesmo co soldo de ministro, no caso os membros do Goberno que teñen escano.

Trátase de 917,03 euros para os deputados electos por Madrid e de 1.921,20 euros para os do resto de circunscricións. Esa é precisamente a cantidade que Elorza pediu en abril que non se lle aboase pois, como consecuencia do confinamento, non ía incorrer en gastos de desprazamento a Madrid, que é para o que está pensada a indemnización.