CRTVG

Buscar

Só un 6 % escolle Pfizer fronte a AstraZeneca como segunda dose en Santiago

Publicado o 30/05/2021 20:30

Forman parte de colectivos esenciais, teñen menos de 60 anos e recibiron a mediados de febreiro a primeira dose de AstraZeneca. Este domingo tocaba completar a pauta.

"Traballo en mantemento no hospital e veño poñer a segunda dose porque a primeira puxéronma o 18 de febreiro, dixéronme que a segunda, ás doce semanas, pero xa pasaba un pouco".

Tiveron que elixir entre recibir a segunda dose de AstraZeneca ou optar pola de Pfizer.

"A maioría escolle AstraZeneca, e só un 6 % dos que se chamou está a escoller a segunda dose de Pfizer", di Sara Arcos, enfermeira do equipo de vacinación.

No Hospital Clínico de Santiago foron vacinadas este domingo unhas mil persoas, desde estudantes de medicina e de enfermería en prácticas, auxiliares de axuda a domicilio, traballadores do 112 ou profesionais do hospital. Todos eles o tiñan bastante claro.

"Poría Pfizer se non houbese AstraZeneca, pero ao haber a mesma prefiro con AstraZeneca".
"Máis vale o malo coñecido e poñer a da primeira dose".
"Iso de mesturar... considero que é mellor poñer unha pauta homóloga, as dúas da mesma farmacéutica".

En Lugo, unha situación moi parecida. A maioría optaba tamén por AstraZeneca para a segunda dose.

"Porque é a recomendada pola Axencia de Medicamentos, porque é a recomendada pola OMS, porque é o que di a ficha técnica da vacina, porque hai cinco millóns de vacinados con dúas doses de AstraZeneca e con Pfizer foi un estudo", di unha das vacinadas.

Antes de recibila é obrigatorio presentar un consentimento informado coa vacina escollida.

"Era obrigatorio asinalo tanto para unha vacina como para a outra".
"É bastante inxusto, creo eu, porque a responsabilidade médica debe ser dos médicos".
Unha elección que afectou unhas 1.500 persoas da provincia de Lugo.

Noticias web

30/05/2021