CRTVG

Buscar

Só un 15% das galegas recoñecen que o foron nais á idade que consideraban ideal

Publicado o 07/12/2019 15:25

Moitas mulleres que queren ser nais atrasan a maternidade máis aló dos 40 anos... Tan só o 15 por cento das galegas que foron nais, recoñecen que o foron á idade que consideraban ideal... Inflúen varios factores, entre eles a prolongación dos ciclos de vida e o mercado laboral que non llo permite.

"Se ti preguntas nas enquisas dos últimos 40 anos non varía, queren arredor de dous fillos. Pénsase en 2,3 ou 2,4 como descendencia final, e tense 1,4, é dicir un fillo menos", di Antonio Izquierdo, Catedrático de Socioloxía
"A transición desde o ciclo da educación ata o emprego e a consolidación dun traballo relativamente seguro, digno, cun bo salario, ou suficiente para ter un fillo e darlle unha educación, etc... é unha transición moi longa"

Segundo as estatísticas, hai catro décadas unha muller era nai por primeira vez con 24 anos. Agora a media está nos 31.67. En Galicia na actualidade as nais primeirizas que superan os corenta anos case duplican as de menos de 25.
"Todas as mulleres de antes de 38 anos poden quedar embarazadas perfectamente, pero a partir dos 38 cremos que eses óvulos que teñen as mulleres son de peor calidade", afirma Casimiro Obispo, Presidente da Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía
E iso pode implicar máis riscos para a saúde da nai e do feto.
"Ese corpo máis gastado fai que ese parto e o embarazo sexa moito máis complicado"

Os sociólogos non son optimistas respecto a que a situación cambie nos vindeiros anos... pero sinalan que para iso téñense que implicar as administracións públicas e as empresas... tendo conta dúas variables: o mercado de traballo e a cultura da igualdade...
"Que esa idea de igualdade, non só dentro do fogar senón nas administracións públicas e por tanto a conciliación entre vida laboral e familiar sexa unha idea hexemónica. Que toda a sociedade comprenda que os fillos son un investimento e que o seu coidado corresponde en igualdade aos sexos, ás administracións públicas e ás empresas", asegura Antonio Izquierdo, Catedrático de Socioloxía.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/12/2019