CRTVG

Buscar

Só Trives, Viana, Monforte, Curtis e Melide quedan en nivel alto

Publicado o 08/09/2021 16:15

Xa non quedarán concellos en nivel máximo. E en nivel medio-alto estarán só cinco: Melide, Curtis, Monforte, Trives e Viana.

O comité clínico tomou esta decisión atendendo á evolución positiva dos indicadores da pandemia, especialmente nas incidencias a sete días. Pero outros aspectos cobran cada vez máis forza no baremo dos expertos que asesoran a Xunta. Son a idade dos contaxiados, a situación hospitalaria e cada vez máis, a taxa de vacinados

Dos 5 concellos en nivel alto é o de Trives o que mantén a incidencia máis alta, por riba de 2.000 casos por cen mil. Pero o que hai meses sería un nivel extremo queda hoxe nun chanzo inferior. O mesmo pasa en concellos como o de Monforte, Curtis ou Melide, que roldan tamén os 1.000 puntos de incidencia. Todos terán restricións altas e non máximas pola idade dos contaxiados, máis novos e con síntomas máis leves que en anteriores vagas, e pola conseguinte situación de alivio nos hospitais. Todo é efecto das altas taxas de vacinación que temos en Galicia.

Outra novidade é que nas novas restricións non haberá xa peches no interior da hostalería, aínda que os de maior nivel terán que pechar dúas horas antes.

Ordes pasa o sábado directamente de nivel máximo a medio, pola melloría nos indicadores. Comparte chanzo con outros quince concellos, entre outros co de Lugo. Será a única cidade con restricións adicionais.
O resto pasa xunto co 93% do territorio a ter restricións de nivel medio-baixo.

Noticias web

08/09/2021