CRTVG

Buscar

Só quedan dous almacéns para xastres en España, un deles en Ourense

Publicado o 24/06/2019 21:38

En Ourense sobrevive un dos dous únicos almacéns que quedan en toda España de tecidos por xunto para xastres e talleres de confección. O seu propietario, Augusto, comezou de xastre con só doce anos e montou un grupo de moda con almacéns e tendas en toda Galicia que resiste malia a competencia da roupa feita na China. 

Este almacén de panería de Ourense é un museo. Só queda en España outro coma el, en Barcelona. Houbo un tempo que chegou a ter 1.700 xastres como clientes, hoxe non chegan a 40.

En Galicia vestíase moi ben, di Augusto, e o noso país era un referente en confección. Hoxe non quedan case xastres pero tampouco talleres, aos que este almacén tamén lle servía todo o que fai falta para facer roupa, dende unha agulla, un forro ou un liño, cortado claro.

Neste panorama, Augusto, de 76 anos, é a resistencia. Consegue manter as portas abertas deste negocio en extinción, no que conta que ten ata 30.000 metros de tecidos. Rexenta, ademais, 8 tendas de moda. Unha vida de traballo e paixón polo oficio que empezou con só doce anos axudando o xastre dunha aldea de Celanova, onde naceu, estivo empregado de mozo en Madrid e volveu para Galicia, onde se fixo autónomo.

Un imperio, o grupo Aufer, que sobrevive en tempos difíciles para a moda made in Spain, malia que non pode competir, di, coa roupa feita na China. Nas súas tendas aínda poden atoparse tamén traxes feitos coma os de antes.

Noticias web

24/06/2019