CRTVG

Buscar

Só o 15% das mulleres con adiccións acceden a tratamento, segundo Proxecto Home

Publicado o 30/10/2020 10:09

A porcentaxe de persoas en tratamento por consumo de cocaína tivo un incremento relevante no últimos sete anos, pasando do 27,2 % en 2013 ao 35,3 % en 2019, mentres diminuíron as que teñen problemas coa heroína, baixando do 5 % ao 2,8 %. O resto de substancias presentan poucas variacións, cunha lixeira tendencia á baixa en alcol e un pequeno incremento das anfetaminas.

Só o 15,4 por cento das mulleres con adiccións acceden a tratamento, fronte ao 84,6 por cento dos homes; ademais, as mulleres chegan máis tarde ao mesmo, cunha idade media de 39,9 anos, mentres que os homes fano cunha media de 37,6; segundo o Informe Extraordinario Observatorio 2013-2019 de Proxecto Home, que recolle datos evolutivos do perfil das persoas con problemas de adicción atendidas ao longo de sete anos.

Así, segundo no estudo, as mulleres que chegan á asociación teñen "vidas máis desestruturadas", como consecuencia dun maior desemprego (72%, fronte ao 64% en homes), maior dependencia económica, máis enfermidades crónicas, así como dun maior número de cargas familiares con respecto aos homes, xa que o 11 por cento delas teñen fillos, fronte ao 1 por cento dos homes que presentan esta circunstancia. As mulleres chegan cunha saúde máis deteriorada, con problemas crónicos que interferen na súa vida en maior medida que os homes (38% fronte ao 29%), e estas toman máis medicación de maneira regular.

Ademais, estas mulleres presentan unha maior proporción de trastornos e de problemas mentais, como a depresión e a ansiedade, con respecto aos homes, ao longo da súa vida. En concreto, un 76,9 por cento das mulleres presenta ansiedade severa non ligada ao consumo de drogas, fronte ao 63,2% dos homes; un 70,7 por cento delas ten problemas emocionais e/ou psicolóxicos, a diferenza dos homes, cuxo porcentaxe se sitúa nun 48,6 por cento; e, ademais, un 68,5 das mulleres tratadas padece depresión severa, fronte ao 48,9 da porcentaxe masculina.

Así, segundo se desprende do estudo, as drogas máis consumidas por elas son, por orde decrecente, o alcol (36,2%) e a cocaína (24,1%); mentres que neles a primeira droga é a cocaína (33,5%), antes que o alcol (21,7%).

Pola súa banda, advirten de que a idade de inicio de consumo de drogas como o cannabis é de 16,7 anos; da cocaína, de 20,5 anos; e do alcol en grandes cantidades, de 21,7 anos. Así, concluíron que, tanto os datos globais como as tendencias de evolución, apuntan a un perfil de vulnerabilidade social das persoas con problemas de adicción en tratamento, sendo esta vulnerabilidade maior no caso das mulleres. É por iso que anunciaron a súa vontade de poñer en marcha estratexias e programas de prevención desde unha perspectiva biopsicosocial, isto é, atendendo a aspectos médicos, psicolóxicos e sociais, e cun enfoque de xénero.

Noticias web

30/10/2020