CRTVG

Buscar

Só o 10 % dos mozos acudiron ao cribado masivo en Vigo

Publicado o 22/04/2021 15:08

Dos 8.000 cidadáns citados a semana pasada só acudiu o 17 %, unha cifra que baixa máis aínda cando falamos dos mozos. Só un de cada 10 de entre 16 e 30 anos acudiron facer a PCR nos cribados masivos de Vigo. Unha participación baixa que contrasta coa repunta de contaxios na cidade, que xa ten máis de 500 casos activos e que a partir de mañá será a única das grandes cidades con restricións medias. Os expertos insisten na importancia de acudir a estas probas que, como ven, continúan aquí e noutros puntos da área sanitaria de Vigo na busca de contaxiados asintomáticos.

Manuel e Joaquín téñeno claro, pero son poucos os menores de 30 que están a acudir aos cribados masivos en Vigo.

Javier Puente, xerente da área sanitaria de Vigo: "A porcentaxe de persoas que acode é baixísima, tan só o 10 % entre mozos de 16 a 30 anos, unha cifra que non axuda a controlar a diseminación do virus".

A baixa participación é especialmente alarmante tendo en conta o avance do virus no concello nos últimos días. 30.000 persoas están chamadas a cribados esta semana en Vigo e noutros concellos da área sanitaria como Tomiño ou O Porriño. Nos da semana pasada detectáronse 9 positivos en Vigo e outros 6 en Ponteareas, onde a participación foi moito maior, por riba do 42 %.

Para os expertos, a vacinación dos maiores ou o cansazo pandémico non son escusas para baixar a garda, e menos coa repunta do virus na área sanitaria de Vigo.

Noticias web

22/04/2021