Un incendio nunha explotación agrícola de Sarria deixa só danos materiais
A alerta do incendio en Ferreiros, concello de Sarria, dérona os servizos de urxencia contra as nove menos cuarto da noite.
Cando chegaron os bombeiros do parque de Sarria, o lume estaba moi estendido pola nave, e estaba a arder herba seca, serraduras e dous tractores.
Os donos da instalación e os veciños xa tiñan retirados os animais alí estabulados para un lugar afastado do fume e do lume.
José Manuel López, sarxento do parque de bombeiros de Sarria explica que "o que fixemos foi establecer dúas liñas de auga. Cunha logramos que o lume non pasara para unha nave contigua. Coa outra fomos baixando a carga técnica que era moi alta para poder ir sacando a maquinaria. Máis tarde viñeron compañeiros do parque de Monforte apoiarnos e foron facendo remudas para ir facendo o traballo de baixar a carga térmica para ir retirando a maioría dos fardos de herba seca que había para unha leira lindeira onde non tiñan perigo".
A cuberta da nave quedou estragada no incendio e do material que contiña pouco se puido salvar. Os efectivos de extinción traballaron arreo máis de seis horas ata que lograron apagalo de todo.
O xefe do parque de bombeiros de Sarria di que "máis ou menos desde as nove da noite que chegamos ao lugar ata as tres e media da mañá que nos retiramos. Danáronse, polo menos que nós saibamos; dous tractores e bastante maquinaria grande que tiñan, á parte da herba, serraduras e a estrutura da nave".
Descoñécese a causa do lume que deixou esta explotación gandeira de Sarria sen parte da alimentación do gando e con perdas cuantiosas polo danos na nave e os bens estragados polo lume.