CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Só danos materiais no incendio dunha nave de reciclaxe no Porriño

Publicado o 12/09/2018 15:05

Non se produciron danos personais pero si cuantiosas perdas materiais. A policía investiga agora as causas. O lume declarouse pasadas as nove e media da noite, cando xa os últimos traballadores remataran a súa quenda. Foi o vixilante de seguridade quen avisou das lapas, que se ben non causaron danos persoais si afectaron gravemente a instalación.

O incendio empezou ao comezo do protocolo de selección e, ademais dos depósitos, afectou moita maquinaria. Os bombeiros foron mobilizados desde todo o sur da provincia de Pontevedra e máis da veciña localidade portuguesa de Valença do Minho e a súa rápida intervención evitou que se propagara a outros ámbitos de traballo. Con todo, a actividade dos operarios de Xesnatura é frenética durante toda esta mañá para que a empresa poida retomar a súa actividade canto antes.

Esta mesma nave xa foi pasto das lapas en 2008, daquela, quedou arrasada por completo. A empresa almacenaba unhas 120 toneladas de materiais no intre do suceso. Trátase de residuos industriais, sobre todo papel, cartón, madeiras e plásticos, altamente inflamables, que aquí se separan, clasifican e empacan.

A rápida intervención dos bombeiros, que acudiron desde todo o sur da provincia de Pontevedra e mais de Portugal, logrou controlar as chamas contra a medianoite. Aínda non están cuantificados pero a xerencia estima que os danos materiais son abundantes. Con todo, confían en retomar a actividade canto antes e por iso desde que os servizos de extinción finalizaron o seu labor, os operarios de Xesnatura se afanan en retirar os entullos. Mentres tanto, os vinte traballadores da nave serán recolocados noutras divisións deste grupo empresarial.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí