CRTVG

Buscar

Unha parella de Pontevedra denuncia a paralización das obras da súa panadería desde hai 5 meses

Publicado o 09/06/2020 13:52

O soño de Elías e a súa parella Diana era ampliar a súa panadería ecolóxica na rúa Sagasta, de Pontevedra, e ofrecer servizo de bar e almorzos saudables. Empezaron a obra en xaneiro, pero co proxecto xurdiu o primeiro problema: unha antiga denuncia dun veciño por unha saída de gases ilegal.

Malia que solucionaron esa incidencia, xurdiron máis problemas burocráticos, chegou o estado de alarma e o proxecto segue paralizado 5 meses despois.

A idea era reabrir o negocio a finais de febreiro, pero despois deste tempo sen actividade, e con dúas pequenas, aseguran que están nunha situación límite.

Con Elías e Diana traballaban outras dúas persoas e tiñan previsto contratar máis persoal ao ampliar o negocio, así que outras 7 familias están a expensas de que lles dean unha solución.

Agora o atranco que atoparon os enxeñeiros que teñen que dar o visto e prace á obra é o sistema de extintores do proxecto. Elías asegura que xa presentaron a modificación requirida e agardan que sexa o último obstáculo antes de poder facer realidade o seu soño.

Noticias web

09/06/2020