Baixan os novos contaxios pero medran os falecementos en España
O número de novos contaxios caeu por primeira vez en España a fin de semana pasada, pero Sanidade informou de 512 falecidos, a maior cifra da segunda vaga. Remataron xa os primeiros 15 días do estado de alarma, e as comunidades autonómas van tomando máis medidas para frear o avance do coronavirus.
Máis de 52.000 contaxios notificados esta fin de semana supoñen a primeira baixada de novos casos dende hai un mes. O que continúa subindo é o número de falecidos. Máis de mil persoas morreron coa covid−19 na última semana, e segundo os datos do Ministerio de Sanidade 512 decesos ocorreron nos tres últimos días. A presión hospitalaria sobe en todas as comunidades autónomas menos en Canarias, pero a situación varía moito en cada territorio.
Nalgunhas zonas increméntase a niveis preocupantes, como é o caso de Andalucía, que tamén vai á cabeza de novos positivos e que dende hoxe pecha todos os concellos. Ademais, toda actividade non esencial debe rematar antes das seis. Hai inquedanza tamén polos ingresos hospitalarios no Principado de Asturias, onde recomendan o autoconfinamento domiciliario, toda vez que o goberno non aceptou que o puidesen decretar formalmente.
Onte cumpríronse os primeiros 15 días do estado de alarma, e varias comunidades publicaron novas medidas canda a prórroga do toque de recollida. En Cataluña, con preto de dez mil contaxios dende o venres, os responsables sanitarios proporán prolongar 15 días máis todas as restricións, entre elas o peche dos bares.
Madrid notificou na fin de semana uns mil positivos diarios e estende as restricións a oito municipios máis. A incidencia está disparada na veciña Castela e León, con 913 casos por cen mil habitantes nos últimos catorce días. Segundo o último balance, en España está nos 525.