Situación delicada en Sarria, con máis de 500 casos activos por cada 100.000 habitantes
Un día máis, Sarria continúa a sumar novos contaxios. Con 68 positivos, a incidencia acumulada neste concello sitúase xa nos 510 casos activos por cada 100.000 habitantes, que representa máis do dobre que hai unha semana. Preocupa, por tanto, ás autoridades sanitarias.
Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña: "Si que nos preocupa porque segue crecendo, con positivos novos todos os días, e iso fai que a incidencia acumulada nun concello como o de Sarria sexa alta. Controlamos as cadeas de transmisión, pero temos que insistir na importancia de ter moito coidado e gardar as medidas de seguridade. Fundamentalmente afecta a xente nova non vacinada".
A situación tamén é preocupante para a hostalería, un sector especialmente castigado polas restricións de nivel alto a que está sometida a vila de Sarria. Están pendentes, por tanto, do que decida o comité clínico. A día de hoxe Sarria ten o principal gromo nunha área sanitaria que pasou de 186 a 257 casos activos nunha semana.