CRTVG

Buscar

Os parques zoolóxicos de Lugo sofren importantes perdas ao non poder ter visitas

Publicado o 25/05/2020 14:06

O de Avifauna é un dos dous parques zoolóxicos da provincia de Lugo. Coma o de Marcelle, actualmente atravesa unha situación delicada como resultado do confinamento. Ás perdas derivadas do peche hai engadir os gastos da manutención e do coidado dos animais. E máis nesta época do ano, que é cando as aves crían.

Antonio Ibáñez, propietario de Avifauna: "Iso estámolo facendo como todos os anos. A única diferenza que hai é que non temos ingresos, polo que non podemos facer nada excepcional. Temos que axustar ao mínimo de todo. E grazas que ao principio puidemos facer acopio duns pensos especiais que viñan de Francia, se non a eses animais non teriamos para lles dar de comer. Para un mes máis podemos ter, pero se isto de prolonga, non poderemos mantelos".

Á falta de ingresos polo peche súmase a incerteza de non saber cando van poder abrir de novo os parques ao público. Agardan que a reapertura se poida producir na terceira fase do desconfinamento, pero polo de agora non hai nada confirmado. En calquera caso, dende Avifauna suliñan que, con 30.000 metros cadrados de superficie, a limitación da acollida non vai supor ningún problema, posto que rara vez superan o 10 por cento da súa capacidade.

Antonio Ibáñez, propietario de Avifauna: "Nós témolo enfocado para a educación ambiental, para os colexios, e esa actividade xa se perdeu este ano. Temos un convenio coa Deputación, polo que compensaremos os nenos de Lugo, que virán de balde e trataremos de facerlles algunha actividade ou agrupalos dalgunha maneira polo verán. Como isto é unha incerteza, non sabemos aínda. Agora é simplemente coidar o parque, manter os animais e esperar polos acontecementos".

No parque de Avifauna conviven uns 600 exemplares de 200 especies de aves.

Noticias web

25/05/2020