CRTVG

Buscar

Sito Miñanco volve a unha prisión de Madrid a petición dos responsables do cárcere da Lama

Publicado o 07/03/2018 14:23

Institucións Penais trasladou a Sito Miñanco desde o cárcere da Lama a unha prisión en Madrid. O xuízo na Audiencia de Pontevedra suspendeuse tras a recusación de dous maxistrados por parte do avogado do narco.

Sito Miñanco volve a Madrid. Institucións Penais decidiu trasladalo de prisión tras a petición dos responsables do cárcere da Lama. O seu destino máis probable é o de Alcalá Meco, onde estaba en prisión preventiva cando foi detido na operación Mito, por estar á fronte dunha poderosa organización que descargara cinco toneladas de droga.

José Ramón Prado Bugallo chegou á Lama hai once días e, ao pouco, iniciou unha folga de fame en protesta polo trato denigrante que dicía recibir. A dirección aplicoulle o protocolo de vixilancia para este tipo de casos.

A semana pasada, Sito Miñanco sentou no banco da Audiencia de Pontevedra xunto a outros catro acusados, a súa filla maior, a súa ex-muller, a súa ex-cuñada e un empresario. A Fiscalía pedía seis anos de prisión para el por un delito de branqueo de 10 millóns de euros. O tribunal suspendeu o xuízo 'sine die' tras admitir a trámite os escritos de recusación de dúas defensas contra dous maxistrados. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/03/2018