CRTVG

Buscar

Sito Miñanco pide saír de prisión e alega que non hai risco de fuga porque "España enteira é un cárcere"

Publicado o 02/04/2020 20:02
Sito Miñanco pide saír de prisión e alega que non hai risco de fuga porque "España enteira é un cárcere"

O narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, alias Sito Miñanco, que permanece en prisión preventiva despois de que fora detido por orde da Audiencia Nacional en febreiro de 2018, pediu ser excarcerado. O motivo é que, ante a pandemia de coronavirus, considera que pertence a varios grupos de risco.

Cre que nin o xulgado nin as institucións penais poden garantir "o seu dereito á vida e integridade física". Ademais, fontes da defensa apuntan que tampouco se garante que teña acceso a un tratamento médico en caso de enfermar por COVID-19, e engaden que faltan medios de protección adecuados tanto no interior da prisión como fóra dela.

Sito Miñanco foi detido en 2018 nun grande operativo que incluíu varias cidades españolas, e permanece en prisión preventiva dado que a causa segue en instrución na Audiencia Nacional. Paralelamente, foi xulgado a principios de 2019 pola Audiencia Provincial de Pontevedra por branqueo de capitais, motivo polo que foi condenado a catro anos de cárcere e a pagar unha multa de seis millóns de euros.   

Segundo explican as mesmas fontes, unha vez se acreditou no escrito presentado pola defensa do narcotraficante que pertence a poboación de risco, o xuíz "asume persoalmente a posición de  garante". Por tanto, aseveran, é "responsable incluso penalmente da súa enfermidade, morte ou secuelas en caso de producirse".

Así mesmo, indican que, debido ao estado de alarma, dáse un atraso obxectivo e indefinido na tramitación da causa, e que isto levará a un bloqueo "fatal" da Audiencia Nacional que impedirá que haxa xuízo "dentro do tempo máximo legal de catro anos". Engaden a isto que xa se prorrogou a prisión provisional máis aló dos dous anos.

Segundo estas fontes, Miñanco asegura no escrito que en caso de ser excarcerado durante este período de confinamento, ten un domicilio familiar onde residir. Suma a isto que hoxe en día España enteira "é unha prisión domiciliaria para os seus habitantes", polo que non ve problema en pasar o período que dure o estado de alarma na súa casa.

Ao fío, Miñanco explica ademais que nestes días hai un incremento de policía notable, decretouse o peche de fronteiras e os medios de transporte non circulan con normalidade, algo que fai inviable calquera posibilidade de falar de risco de fuga.

Doutra banda, as fontes aseguran que durante o procedemento aberto contra Miñanco deuse "un cúmulo de irregularidades" que inexorablemente conducirán a unha sentenza absolutoria por nulidade porque se lle vulneraron dereitos esenciais.

Engaden que se destruíron probas, como as gravacións "supostamente orixinais" dos audios xerados en interceptacións de comunicacións, "único soporte co que se pretende vincular a  Miñanco co delito".   

O histórico narcotraficante galego foi detido no marco da operación Mito xunto a outras 37 persoas. Segundo o auto da Audiencia Nacional, a rede que dirixía Sito Miñanco tentou introducir sen éxito en España máis de 4.000 quilos de cocaína en dous operativos diferentes que foron truncados polos investigadores.

Coa petición de excarceración, Miñanco súmase á lista doutros presos coñecidos pola opinión pública que pediron saír en liberdade pola COVID-19, como o comisario xubilado e en prisión preventiva José Manuel Villarejo, o ex-tesoureiro do PP Luis Bárcenas ou o ex-viceconselleiro da Comunidade de Madrid Alberto López Vello.