Sismo de 4,9 graos na Palma, o maior desde a erupción volcánica
A erupción do volcán Cumbre Vieja está moi lonxe de extinguirse, segundo afirman os científicos e proban os últimos incidentes rexistrados este sábado.
A media mañá derrubouse parcialmente un dos conos secundarios do volcán e abríronse novas bocas de emisión de lava, nun fenómeno considerado normal neste tipo de erupcións.
Poucas horas despois, a illa sufría un novo tremor, neste caso de 4,9 graos, o maior dos 1.700 rexistrados desde que comezou o movemento sísmico e claramente perceptible pola poboación.
As próximas horas van ser decisivas para saber se a lava arrasa con todo o núcleo urbano de La Laguna, e tamén de barrios de Los Llanos de Aridane e Tazacorte. Todo depende da evolución dalgunhas das dez coadas que existen nestes momentos. Toda a zona está evacuada desde o mércores pasado, pero os veciños seguen tratando de acceder para rescatar pertenzas ou vixiar colleitas.
Outro traballo intenso agora mesmo é o das brigadas de limpeza da Palma, que tratan de despexar as cinzas que dificultan a circulación e que poden poñer en perigo moitas edificacións, sobre todo se chove, tal e como está previsto.