Siria vota nunhas presidenciais rexeitadas pola ONU e a oposición

Siria celebrou hoxe uns polémicos comicios presidenciais, rexeitados pola ONU e boa parte da comunidade internacional, só nas áreas controladas polo presidente Bachar al Asad, que tras anos de conflito armado busca afianzarse de novo á fronte do país. Máis de 12.100 colexios electorais foron habilitados e máis de 18 millóns de persoas chamadas ás urnas, no medio dun forte despregamento de seguridade na capital.
Al Asad depositou o seu voto na simbólica localidade de Duma, exfeudo rebelde nos arredores da capital retomado polas forzas gobernamentais en 2018; mentres que os seus adversarios Abdulá Salloum Abdulá, exviceministro de Asuntos Parlamentarios, e Mahmud Marai, un líder da oposición interna, fixérono en Damasco. Al Asad defendeu a lexitimidade dos comicios: "Esta é a resposta popular, é unha afirmación de que o cidadán sirio é libre. A decisión do cidadán está en mans do pobo, non en mans de ningunha outra entidade", defendeu o dirixente en declaracións difundidas pola Presidencia siria.
Poucas horas antes, os Estados Unidos, o Reino Unido, Alemaña, Francia e Italia tacharan a cita electoral de "fraudulenta" e "ilexítima" nun comunicado conxunto, ao considerar que estas eleccións non son "nin libres nin xustas" nin cribles. Boa parte da comunidade internacional, incluídas Nacións Unidas, rexeitou os comicios porque non forman parte do proceso de paz para unha solución política en Siria auspiciado pola ONU desde 2015. A oposición no exilio, que non puido presentarse, afirmou que se trata dunha "farsa" para revalidar a Al Asad, a quen acusa de cometer "crimes de guerra" na pasada década.