CRTVG

Buscar

Sindicatos sanitarios convocan concentracións para pedir máis equipos de protección e tests PCR

Publicado o 30/04/2020 17:42

Este xoves, á entrada dos hospitais Provincial e Montecelo, volveron a concentrarse traballadores de distintas categorías profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) no marco da segunda convocatoria desta semana de seis sindicatos para reclamar máis medios humanos e materiais.

Nas protestas, celebrada ás 11,00 horas no Hospital Montecelo e unha hora máis tarde no Provincial, como o martes pasado, volveuse a demandar á Consellería de Sanidade equipos de protección individual, o incremento do persoal e a realización de máis tests PCR entre o persoal para facer fronte á crise do COVID-19 de forma "eficiente e segura" nos hospitais pontevedreses.

Asistiron a estas concentracións sobre unha trintena de persoas en Montecelo e case medio cento no Provincial, entre celadores, administrativos, técnicos, persoal de mantemento, cociña e lavandería, enfermería e médicos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Xunto á pancarta co lema ' Non estamos tod@s. Isto nunca máis' puidéronse ver outras consignas en mans dos manifestantes como ' Non somos heroes, tan só profesionais da sanidade', 'Máis batas e menos gravatas', 'A saúde non é un negocio' ou ' Máis recursos e menos discursos'.

Noticias web

30/04/2020