CRTVG

Buscar

Milleiros de solicitantes, sen ingreso mínimo vital por problemas de tramitación

Publicado o 21/08/2020 14:15

Iria Rivas é unha das 750.000 persoas que ata agora solicitaron o ingreso mínimo vital. Presentou toda a documentación na mesma semana en que se abriu o prazo, hai máis de dous meses, e aínda non recibiu ningunha resposta. Cóntanos que o seu caso é urxente. Ten dous fillos ao cargo ela soa e está cobrando só o 75% do subsidio, 325 euros ao mes.

"Coa volta ao colexio, a situación é moi complicada", cóntanos.

Axudouna cos trámites a Plataforma polo Emprego, unha asociación de Santiago dedicada ás persoas en risco de exclusión social. Denuncian trabas para poder solicitar a renda mínima. O seu presidente, Miguel Fernández, cóntanos que "o problema é que é practicamente imposible conseguir unha cita coa Seguridade Social. Hai un teléfono ao que se pode chamar no que non contesta ninguén, está sempre comunicando. Só hai citas vía Internet e danchas cun prazo dun mes, e iso é imposible".

Das 500 solicitudes que enviaron, só obtiveron resposta dun cento. Da de Concepción Cruz aínda non saben nada. Está sen traballo, non ten ningún ingreso nin prestación, polo que vive nunha casa que lle cederon.

O ministro de Seguridade Social di que xa se concederon 80.000, pero esa cifra inclúe as 74.000 que foron recoñecidas de oficio, polo que apenas 6.000 serían novos beneficiarios. José Luis Escrivá pide agardar para facer balance e recorda que todos os que soliciten o IMV ata o 15 de setembro, terano recoñecido retroactivamente os primeiros tres meses.

"Xa sabiamos que era un proceso documentalmente complexo", apuntou.

O sindicato UXT denuncia que a algúns solicitantes estáselles dando cita para despois do 15 de setembro, co cal perderían o dereito a ese cobro retroactivo.

Noticias web

21/08/2020