Simulacro de incendio forestal en Ponteareas para conseguir actuacións de calidade
O monte da Picaraña, en Ponteareas, foi escenario hoxe dun simulacro de incendio forestal. Un exercicio que ten como obxectivo mellorar a calidade do traballo e a coordinación dos servizos de emerxencia.
Non hai un incendio real, pero estes profesionais actúan como se estivesen ante un incendio forestal que acaba de producirse no monte da Picaraña, en Ponteareas. Supostamente, as lapas avanzan poñendo en risco zonas poboadas. Son situacións límite en que cada minuto conta e estar preparado para actuar con eficacia e de xeito coordinado é clave.
Neste punto, por exemplo, os servizos de emerxencia ensaian unha manobra de autoprotección fronte ao lume.
Este tipo de actuacións non poden deixarse á improvisación. Anticiparse á posible evolución dun incendio pode salvar vidas e diminuír as perdas materiais e ambientais.
Estes simulacros estanse a realizar en todas as provincias galegas preparándose para o verán, a época de máis risco de incendios forestais.