CRTVG

Buscar

Simona Halep gaña o torneo de Wimbledon tras impoñerse a Serena Williams

Publicado o 13/07/2019 22:02

A ambición e, sobre todo, a axilidade e rapidez de Simona Halep convértena en nova campioa de Wimbledon, por méritos propios. A romanesa correu pola herba como unha gacela, devolvendo cantas bolas lle enviaba Serena Williams a un lado e outro da pista. A veterana tenista norteamericana mesmo berrou con rabia cando por fin lograba anotar un punto.

Pero a recuperación que experimentou sobre todo cando conectaba o priemiro saque, foi só un espellismo. Diante tiña un frontón que chegaba a todo, que devolvía passing shot imposibles, con seguridade e puntería. Williams encadeu unha xeira de erros que a conduciron a derrota. Apenas lle bastaron 55 minutos a Halep para coroarse nova raíña de Wimbledon. Cun xogo tan fulminante que maravillou incluso á súa rival.

 "Xogou dun xeito incrible. Parabéns Simona! .... Só me queda darlle os parabéns, porque cando unha tenista xoga así de espectacular, só queda felicitala por ese partido tan duro e difícil para min", dixo Serena Williams ao remate do encontro.

"É incrible,é algo moi especial e eu nunca esquecerei este día, porque era o soño de miña nai. Cando tiña dez anos díxome: se queres ser alguén no tenis tes que xogar unha final de Wimbledon. Ese día chegou, así que moitas grazas a meus pais.", manifestou a campioa Simona Halep.

Williams, con 37 anos, queda unha vez máis ás portas de igualar a marca de 24 grand slam da mítica Margaret Court. Mentres a romanesa, dez anos máis nova, acada o seu segundo gran torneo e retorna ao cuarto posto na clasificación mundial.

Noticias web

13/07/2019