CRTVG

Buscar

Simón ve factible poder quitar a máscara en exteriores a mediados de xullo

Publicado o 31/05/2021 19:33

Sanidade advirte que a eliminación da máscara ao aire libre dependerá do ritmo de vacinación, da evolución global da pandemia e dos prazos para modificar a lei que agora mesmo obriga ao seu uso. Se todo vai coma ata agora, cren que podería ser posible a principios do verán."Eu creo que podería ser factible que a mediados ou finais de xuño, e case con seguridade a finais de xullo, a máscara en lugares abertos non sexa necesaria", asegurou Fernando Simón, director do CAES.

O Goberno intentará que a medida se poida tomar ao mesmo tempo en todas as comunidades. Tamén planea fixar unha data concreta para levantar a obrigatoriedade de máscara en grupos xa vacinados, incluso en interiores. Por exemplo, nas residencias da terceira idade. "En interiores, nalgúns colectivos concretos onde a porcentaxe de vacinación sexa moi alta, tamén é posible elminar a máscara antes de finais de xullo. Pero temos que ir paso a paso, e iso implica que ata que non cheguemos a ese obxectivo todos temos que facer o que nos toca", explicou Simón. 

É dicir, cumprir coas restricións que aínda están vixentes para que a evolución da pandemia siga sendo boa.

Noticias web

31/05/2021