CRTVG

Buscar

Fernando Simón advirte: "Que ninguén se confunda, as cousas non van ben"

Publicado o 20/08/2020 18:09

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, asegurou este xoves que o feito de que se estean detectando moitos máis casos de coronavirus non significa que non haxa transmisión comunitaria e lanzou unha advertencia: "Que ninguén se confunda, as cousas non van ben".

En conferencia de prensa para informar dos datos sobre a evolución da pandemia, Simón admitiu que é certo que as características dos casos son diferentes, porque a idade media dos afectados baixou aos 35 anos, e que non hai sobrecarga no sistema hospitalario, pero insistiu en que "a medida que aumente a transmisión comunitaria" subirá o número de hospitalizados. "Que non se confunda ninguén, isto non podemos deixar que siga, e agora temos que ser moi conscientes do que temos que facer", recalcou. 

Apelación aos influencers

Simón pediu a todos os personaxes con "algunha posibilidade de influír na poboación" que lle axuden a concienciar a xente do que hai que facer, "non do que non hai que facer". "Saben que non teño moita relación coas redes, pero sei o que é un influencer: creo que hai moitos con visibilidade moi grande, que poden axudar a controlar a epidemia".

Quixo deixar claro que "hai maneiras de pasalo ben sen poñer en risco a ninguén. Hai alternativas, seguro", como probablemente haberá "xente especialista en conseguir que a xente o pase ben sen poñer en risco a ninguén". "Entendo que a xente queira ir de festa, pero hai maneiras e maneiras de ir de festa", abundou para enviar esta súplica: "Non podemos permitir que isto se nos volva a escapar". E é que, "se seguimos deixando que a transmisión siga cara arriba, acabaremos tendo moitos hospitalizados nas ucis e falecidos", advertiu tallante.

Non é o que ocorre agora, cando o nivel de ocupación dos hospitais é do 4 %. Pero, como deixou claro, "un 4 % de 1.000 casos son 40; un 4 % de 100.000 son 4.000. As cousas cambian a medida que cambia a transmisión".

Hoxe, o Ministerio de Sanidade contabilizou este xoves outros 7.039 contagios de coronavirus, dos que 3.349 foron diagnosticados nas últimas 24 horas. Simón decidiu tomar este ton máis contundente tras reflexionar durante os últimos días sobre que tiña que dicir "claramente: 'Hai que facelo mellor'". "Que non se confunda ninguén, isto non podemos deixar que siga, e agora temos que ser moi conscientes do que temos que facer", insistiu. 

Noticias web

20/08/2020